Butaca, Cine, Sin categoría — 1 junio, 2014 at 11:38 am

Semana á marxe

by

A noria, as verbenas e os concertos por un lado e a euforia futboleira, contida durante as últimas semanas e desatada co gol de Marchena, polo outro foron protagonistas na fin de semana en Compostela e n’A Coruña. Durante a semana será o cinema o protagonista nas dúas cidades, en dous eventos diferentes, pero coa particularidade de estar nas marxes do cinema oficial, por referirme dalgunha forma a esas formas máis formais, académicas, populares (no sentido de número de afeccionados), estandarizadas…

En Compostela terá lugar a Mostra de Cinema Etnográfico do MPG. Unha mostra que xa vai pola novena edición e que achega fitas diversas, que afondan tanto na construcción da identidade propia, como a colectiva e que ofrece ademais nas actividades paralelas un curso de creación audiovisual.

Por outro lado, n’A Coruña comeza mañá a (S8) Semana de Cinema Periférico, centrada nesta ocasión na fusión Galiza-Xapón e que terá como protagonista ao cinema expandido.

E se ben é certo, que son dous modelos de cinema diferentes, non é menos certo que ambos gozan de boa presenza en Galiza. Presenza que se antolla case natural, nun lugar onde á marxe é a norma á hora da creación e das manifestacións culturais. A ollada precisa non é aquela directa no sentido da perpendicularidade, senón a que atina no branco agochada dende a posición máis acaída.

Comments are closed.