+ Búsola, Ciencia, Método — 19 septiembre, 2014 at 5:36 pm

Os primeiros tempos da astronomía. Ollando o ceo.

by

 

craters-of-the-moon

A escuridade da noite na antigüidade, pola completa ausencia de alumeado artificial e a contaminación lumínica, unido ao feito de pasar a maior parte do tempo na natureza, fóra de vivendas e cidades, permitía ser plenamente conscientes dos cambios no ceo. Tratar de relacionar estes cos cambios da natureza, de xeito acertado ou non, era o seguinte paso. Pero, que cambios no ceo son máis evidentes? Que conceptos astronómicos actuais foron seguramente os primeiros en seren observados? Que se pode aprender ollando a ceo sen ningún trebello?
Deixamos de lado o paso da noite e o día ou, o que é equivalente, a saída e posta diaria do Sol. Entre as observacións regulares máis evidentes do ceo, pola rapidez coa que pasaban, están os cambios nas fases lunares. Cada día a Lúa era algo máis grande ou máis pequena. Incluso, certos momentos do ano, se non había nubes, podía cazarse pola noite porque a luz da lúa chea (e dos días inmediatos anteriores e posteriores) abondaba. Unha vez observada esta regularidade cada pobo tería o problema de proceder ao seu rexistro e, dese xeito, tirar o coñecemento necesario para poder predicir a ulterior evolución da Lúa. A importancia do cambio nas fases da Lúa é tal que os primeiros calendarios estaban baseados neste movemento.

Os meses contábanse entre Lúas cheas (ou novas), coas dificultades intrínsecas que iso supón. Na actualidade, o calendario islámico segue a ser lunar, así como o calendario eclesiástico, entre outros. Podemos comprender facilmente por que a astronomía árabe tivo un enorme pulo ao longo da Idade Media e por que, o propio Vaticano, contaba cun observatorio astronómico na cidade de Roma (hoxe trasladado a un lugar moito máis escuro). Entre outros motivos, para poder medir coa maior das precisións o momento exacto da Lúa chea, ese momento no que a faciana da Lúa está exactamente aliñada coa Terra e o Sol, pero en plano diferente (senón teríamos unha eclipse). Un coñecemento fundamental para comenzar a contar o ano musulmán ou o domingo de Pascua, respectivamente

Autor X. Dosi Veiga

Contido completo do artigo na Edición en papel da revista Búsola

Comments are closed.