Butaca, Cine, Video/TV — 20 marzo, 2014 at 4:00 pm

Gravar ao debuxante debuxando a gravación

by

david_rubin_radiografia_dun_ator_de_tebeos

Ben podería ser esta a sinopse de Radiografía dun autor de tebeos (2010), de Marcos Nine. Podería, mais sería ficar na superficie e nesta peza documental hai moito que ver, ler e escoitar.

Seguir coa cámara a alguén no seu día a día adoita dar como resultado un entretemento equivalente ao interese que o espectador amose pola profesión do protagonista ou polo protagonista en si. Existe en televisión moita oferta nese sentido, pero non é esa a proposta de Nine. Durante os case vinte minutos de duración da fita a banda deseñada, a entrevista, o reality, o making of e a observación fílmica mestúranse freneticamente para conformar unha visión persoal e fragmentaria sobre a figura de David Rubín. Sobre a creación de tebeos. Sobre o acto de contar historias. Contándoas.

A apariencia de improvisación mesturada con planificación, de realidade e televisión, de personaxe e persoa; ofrece ao espectador constantes mudanzas de enfoque da narración; de punto de vista tamén. A súa estrutura fragmentaria obriga a ir construíndo a historia en paralelo, a formar parte do proceso de creación da historia, a participar dela.
Achegarse á creación documental sempre implica o risco de caer nos convencionalismos formais e deixar que todo o traballo xire ao redor do interese que a historia pode ter para o espectador. Romper coas reglas pode ser útil para moitas cousas, pero neste caso amósanse moi atinadas para lograr achegar a figura do David Rubín privado e do personaxe nos dous sentidos, é dicir, o que nós percibimos e o que el percibe. A importancia desa dobre visión resulta chave, xa que o personaxe público é creado por esas dúas forzas. Así, a radiografía acaba indo máis aló do propio interior do debuxante, achegando a visión do afeccionado aos tebeos e tamén a do espectador-director.

Comments are closed.