Coordenadas, Crónicas, Sin categoría — 8 abril, 2014 at 3:45 pm

Galicia, terra de riqueza.

by

Foi a primeira vez que visitei Galicia, o verán de 2005 para estudar de alumno de intercambio na Facultade de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela. A pesar de que eu estudaba castelán dúas ou tres horas á semana no Xapón, non tiña suficiente nivel deste idioma. Mais, eu pensaba que podería vivir en Galicia sen dificultade, porque intentaria falar ingés en caso de que non entendera castelán. Agora decátome de que eu era demasiado optimista e intrépido.
Decateime de que as miñas ideas eran un erro cando cheguei a Santiago. Non puiden comunicar con ninguén polo idioma. A xente de Galicia falábame a min en castelán, mais non o comprendía nada, porque aparte do meu baixo nivel de castelán,  falábase castelán cun acento galego, que era difícil para un xaponés que escoitaba só castelán “estándar” no disco compacto adxunto ao libro de texto que se vende no Xapón. Sentinme frustrado e pensei que non podería sobrevivir un ano.
Ademáis, aínda que sabía que se fala galego en Galicia antes de vir ,non pensaba que se usara tanto. Os avisos na universidade e na residencia estaban en galego (ás veces en bilingüe) e non entendía nada. Costoume moito lelos usando o dicionario galego-castelán, e logo, castelán-xaponés. A pesar de esa dificultade, eu era demasiado temerario, e matriculeime na asignatura Política Contemporánea de España, a cal se impartía en galego. Agora decátome de que este foi un momento crucial para cambiar a miña visión. Os meus amigos galegos ensinaronme a súa propia lingua e a súa historia.
Conforme estudaba a historia de Galicia, comezaba a comprender a razón de que se falase galego, e empecei a observar Galicia cunha visión cambiada. Decateime de que existen varias culturas tradicionais protexidas desde hai moito tempo ademáis da súa propia lingua.
Andaba con dificultade no camiño empedrado na zona vella ao principio, mais comecei a sentir a longa historia da cidade dende ese momento. No meu país ningunha cidade puido protexer edificios ou camiños tradicionais nunha área tan grande. Deume envexa a Galicia onde aínda existen moitos edificios tradicionais, mentras Xapón perdeunas por moitas causas como terremotos, guerras, cambio de ideas, á modernización, etc. Polo tanto, é unha envexa que os galegos aínda teñan tantos patrimonios culturais. O que me sorprendeu é que dentro dun edificio antigo, hai unha oficina moi modernizada, é dicir, que a tradición e a modernidade coexisten con bo equilibrio nunha cidade.
Iso fíxome pensar a importancia de protexer a cultura e púxenme a querer informala aos xaponeses e ao mesmo tempo, púxenme a coñecer a miña cultura. A miña visión cambiada de Galicia resultou en actividades como “Imos a Galicia!/Imos a Xapón! (o meu blogue bilingüe)”, “Galicia+Xapón (o grupo de intercambio cultural en Santiago)”, “Os 50 capítulos para coñecer Galicia (o libro sobre Galicia publicado en 2011 en Xapón)”, “Curso de galegos para xaponeses (un proxecto de Xaponismo)” etc. A miña experiencia en Galicia mudou bastante a miña forma de pensar. Merece admiración que os galegos amen e respecten a súa cultura.

Outra experiencia que me gustou en Galicia é o carácter serio que ten o galego. Antes de vir a Galicia, tiña un prexuízo de que a maioría dos españois son apaixoados, optimistas, abertos e decididos. Non obstante, a maioría dos amigos que coñecín en Galicia non eran “os españois” que eu imaxinaba. Eu penso que os galegos son moi serios e traballadores, aínda que non se pode xeralizar as características dos galegos nin quero dicir que os españois fóra de Galicia non sexan serios. Sentíame moi ben e simpatizaba cando conversaba cos galegos. Xeralmente son amables e axudáronme moito cando estiven en Galicia, cousa que agradezo sinceramente. E a ambigüidade dos galegos como “máis ou menos”, “daquela maneira” e “depende…” gostoume. Eu son xaponés indeciso, así que no ambiente que me permitía seguir sendo ambiguo sentíame moi cómodo. É certo que hai moitas cousas no mundo que non se pode determinar “si” ou “non”. Coido que esta actitude ambigua enriquece as ideas máis que pensar en binarismo.
E a choiva tamén foi unha das cousas que me gostou. Hai xente que di que non lle gosta a choiva, mais a min góstame moito, porque a choiva produce a riqueza tanto natural como mental. Galicia abunda en naturaleza pola choiva. E, a choiva provoca a xente o sentimento complexo como a tristeza, a pobreza, a ironía, e tamén, a pureza. Cando estiven en Galicia, sempre me tranquilizaba pola choiva. Imaxino que a choiva produciu a riqueza cultural de Galicia.
Para min Galicia era unha terra con moitas sorpresas ao principio, pero tras levar uns meses, sentinme moi cómodo, e finalmente, regresei de novo en 2007 para cursar un máster. En 2013 tamén tiven oportunidade de visitar unhas cidades en Galicia. Aínda que actualmente estou moi lonxe de Galicia, estou seguro de volver á “nosa terra” algún día para sentir a riqueza natural e cultural.

Masashi Oki, 6 de abril de 2014.

Masashi Oki é licenciado en Ciencia Política pola Chuo University (Xapón) e Máster en Xestión da Cooperación Internacional e das ONG’s pola USC. É coautor do libro “os 50 capítulos para coñecer Galicia” publicado en xaponés en 2011

Comments are closed.