+ Búsola, Coordenadas, Crónicas — 13 diciembre, 2014 at 11:04 am

Galicia, asi nos ven desde fóra. Maya Moure

by
emigración

emigración

O VELLO MUNDO GALIZA

Tradución: Isaac Ferreira

Non vivín nunca en Galiza, mais Galiza acompañou sempre a miña vida. A historia comezou hai moitos anos.

Ía Xulia Cortés nunha pequena embarcación cruzando o río Miño, cando o vento e a corrente lle deron un susto maior que o dos labores de parto. Ese 9 de febreiro do 45 quedou marcado no calendario, pois requiriuse audacia para evitar que quen sen saber flotar se fose para a agua. Pasado o reto, o dez de febreiro naceu meu pai. Si, son filla dese, daquela, novo galego, que 36 anos despois encontraría en Mozambique a valente mexicana que se uniría á misión de ser miña nai, e son tamén mexicana.

Ao ser México excolonia, a España témola moi presente. Na historia, a arquitectura, libros e museos. A mestura de culturas no día a día. Mírase a España con curiosidade, dor histórica e admiración. Na casa, temos en meu pai unha xanela aberta a España, moi diferente á dos libros, e esa xanela mira ao seu recuncho, Galiza, a terra das lembranzas: a luz lene, as bodegas frías de vino, as paredes de pedra. Ulido a madeira, uva, terra. Montes verdes, ríos, cabalos, mulas, viñedos, tomates, pementos. Pontes, camiños de pedra, valados de pedra, casas de pedra, celeiros, hórreos, pedra e pedra.

Mesas con polbo, grelos, verzas, pementos, patacas, caldos consistentes, chourizos de cebola e viño. Licores de froitas e de especias. Xente sorrinte, aberta e cariñosa, que abraza, moita xente maior, mandís e flores. Verde, moito verde, nos campos, cultivos e montes, nas beiras do río. Esa é a Galiza das miñas paisaxes mentais. Esa Galiza recreada e contada baixo as sombras do mango, na serra de Tabasco ou desde unha hamaca na zona maia mexicana.

O cadro foise completando coas viaxes a Santiago, Ourense, A Coruña, xa de grande. Entran agora tamén cidades, fontes, portos, praias cristalinas, cafés, bares, trens e barcos. A mocidade e as universidades. Loitas, protestas, anhelos, crítica social.

O vello mundo das aulas de historia, a Galiza labrega de meu pai e as viaxes crearon unha paisaxe, verde, misteriosa e antiga, chuviosa e soleada, con praias ¡frías! como soñadas e de saborosa comida. Cheo de xente espontánea e auténtica, falangueira. Vellos escenarios para novos tempos, onde a particularidade cultural se mestura co mundo globalizado.

O autora é Maya Moure. Vive en Chetumal (Quintana Roo, México), e é filla dun ourensano residente en México.

Comments are closed.