Coordenadas, Crónicas, Sin categoría — 4 abril, 2014 at 4:04 pm

As antípodas veciñas

by
lareira

lareira maorí

Fai uns días recibín unha mensaxe de Suso Rubio na que me animaba a citar cinco parecidos entre a Nova Zelandia e a Galiza, alegreime moito de saber que eran cinco similitudes e non diferenzas, xa que de ser así tería que quedarme outros tres meses para atoparllas. A verdade é que Nova Zelandia é un país ben semellante ó noso, a primeira coincidencia é o verde destes seus campos, con multitude de vacas e ovellas por todos os lados. Eu vivo nunha cidade que se chama Palmerston North, e ás veces penso que non saín do Valadouro, pois tamén é un val e parécense moito, doume conta que non é así cando me falan inglés! Contribúe moito a que se pareza a cantidade de aeroxeradores que teñen sementados en cada unha das montañas, aí vai o segundo parecido.
Se paramos de falar de paisaxes e imos a razóns culturais, os maorís e os galegos temos algo en común que estivo moi de moda polas redes sociais nos últimos días e que eu tiven a oportunidade de ver en persoa, os xa famosos cabozos maorís ou patakas, polo tanto aí tedes a terceira. As patakas non é o único que temos en común cos maorís, tendo almacéns tan bos coma os nosos tamén son de boa boca, e comen ben e en grandes cantidades. Fai uns días ceei con eles e comprobei que no lado oposto do mundo son de tan bo comer coma nós, o que fai que xa poda eu ter catro similitudes.
Deixei para facer a quinta a que máis me recorda á situación galega, dúas linguas e dúas culturas en convivencia, creando unha situación de conflito lingüístico e cultural, que levan ó pobo maorí a unha loita continua por non perder a súa identidade, é dicir, eles conviven co maorí-inglés e nós co galego-castelán.

(texto de Ruth Rodríguez, unha veterinaria galega que fai investigacións en Nova Zelandia)

cabozo

cabozo maorí

cocido

cocido maorí

Comments are closed.