Cine, Sin categoría — 11 abril, 2014 at 2:37 pm

Abrir horizontes

by

Este sábado n’A Coruña vai celebrarse a gala dos Mestre Mateo, a cerimonia na que a Academia Galega do Audiovisual premia o máis destacado do ano. Sen entrar en valoracións sobre os mecanismos de promoción e recoñecemento do labor dos profesionais, non só no audiovisual senón en todas as artes, acho que é boa escusa para lembrar un traballo que pese a non obter o galardón na anterior edición, chamou fortemente a miña atención sobre o seu creador.

Hai un ano tiven a oportunidade de ver as cinco curtas seleccionadas para os premios. Digo opurtunidade aínda que non sei se o correcto sería dicir sorte, porque a verdade é que moitas veces é realmente complicado poder ver cinema galego. Mais iso é outro tema que mellor deixo para outro día.

Ver curtametraxes sempre supón unha dificultade para min á hora de emitir xuízos sobre elas ou simplemente gozar (en calqueira das súas acepcións) delas. A dificultade vén dada polo feito de que acostuman proxectarse varias curtas seguidas, polo que un ten que entrar e saír moi rapidamente das historias, dos diferentes estilos narrativos e visuais… Cando, aínda por riba, algún actor ou actriz sae en máis dunha a complicación é maior. No caso que nos ocupa, as cinco historias eran ben diferentes, os estilos tamén e mesmo a técnica de gravación e a estética. Foi esta última a que me chamou a atención e que fixou o meu interese sobre Xacio Baño, autor de Estereoscopía.

Fotograma de Estereoscopía

Fotograma de Estereoscopía

A historia narrada é orixinal e engancha dende o primeiro momento, mais no meu caso foi case irrelevante. A min atraeume a narración visual, o emprego dos recursos técnicos, tanto de cámara coma de son, montaxe e posprodución. Sentín ese entusiasmo, esa atracción que só experimentas cando algo fai non só que goces senón que esteas expectante ao que virá despois. Ou ao que xa foi. Esa sansación de que tes algo ou alguén novo no que centrar a túa atención, algo que sabes que de primeiras vaiche gustar. Para min é das mellores sensacións que un autor pode deixar nun e o motivo polo que gusto do cinema, ou da literatura, ou da banda deseñada, ou da música. Mesmo da xente.

Comments are closed.